Esta dirección de correo electrónico está protexida contra spambots. Vostede necesita ter Javascript activado para poder vela.

TLF: +0034 693649504

Mércores 13 Decembro 2017

Os comuneiros dan luz verde aos traballos para o ano 2015

Cun orzamento de máis de 131 mil euros

Os comuneiros e comuneiras da Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) aprobaron o plan de traballo e o orzamento previsto para o ano en curso, que ascende á cantidade de 131 mil euros. As principais actuacións a levar a cabo son as silvícolas, ás que se destinarán máis de 46 mil euros e a adquisición e proxecto de reforma da antiga casa rectoral á que se destinarán máis de 52 mil euros con cargo aos orzamentos deste ano.



En canto aos traballos de silvicultura, propúxose en consoancia co programado no plan de ordenación, á repoboación  de 24 hectáreas con eucalipto nitens no monte de Castiñeiras, con devasas formadas por franxas de castiñeiros. Ademáis prevese a plantación de 3 hectáreas de piñeiro pinaster con franxas intercaladas de frondosas, neste caso noceiras, no lugar da Fontaiña.

Ademais destas actuacións reguladas polo plan de ordenación, tamén se prevén actuacións a maiores con cargo á subvención de prevención contra incendios que se ven de facer pública nestes días. Estas actuacións foron aprobadas por unanimidade polos 86 comuneiros asistentes que representan o 65 por cento do censo total.

Tamén se aprobaron por unanimidade as contas pertencentes ao ano 2014, onde se obtiveron uns ingresos de 67 mil euros e uns gastos de 70 mil euros nos que o investimento en actuacións silvícolas supuxo un 80 por cento do total.

Outro asunto destacado foi a compra da antiga retoral parroquial, onde se expuxo a situación actual, pendentes da sinatura do contrato e da tramitación administrativa paralela. Deuse conta das negociacións con distintas entidades bancarias para financiar o 70 por cento do importe da compra. Propúxose e aprobouse por unanimidade aceptar a proposta financeira ofrecida por ABANCA por ter as condicións máis favorables para a comunidade.

Tamén se deu conta das xestións realizadas ante a delegación de Fomento en Galicia na Coruña onde se lle informou da intención dos comuneiros de rehabilitar o edificio e se recibiu o compromiso por parte de Fomento de facilitar dita obra, tendo en conta que a construcción está na zona de afección da AP9. Por outra banda tamén se informou da reunión mantida coa Dirección Xeral de Patrimonio que debe autorizar as obras, dado que o edificio está catalogado como Ben de Interese Cultural.

Hai que destacar que este sábado pechouse o prazo para a entrega dos traballos que se presentaron ao concurso para a redación do proxecto de rehabilitación da reitoral, presentándose un total de 16 traballos e que serán examinados e evaluados nun acto aberto aos comuneiros e aos participantes, que probablemente se celebrará o vindeiro sábado 7 de febreiro.

En canto ao apartado de acción social, ademáis das aportacións xa establecidas de axudas a clubes deportivos ubicados na parroquia e da colaboración económica coa comisión de festas, este ano púxose en marcha unha iniciativa destinada a axudar a aquelas familias con nenos en edade escolar e que presenten unha condición laboral desfavorable. Dita iniciativa conta cun orzamento de 3000 euros e destinaranse á axuda para adquisición de material escolar, libros de texto, becas comedor o outras que se poidan presentar. A directiva de montes porase en contacto coas ANPAS dos colexios de Riomaior e Toural e a AVV de Santa Cristina de Cobres para xestionar estas axudas.

Tamén se informou da intención da directiva comunal de pór en marcha iniciativas para a pór en valor o potencial económico do monte comunal, mediante a introducción do pastoreo, unha práctica que se mantivo activa durante séculos e que nas últimas décadas desapareceu. Esta actividade ademais de supoñer un incentivo económico para o gandeiro é beneficiosa para o monte en canto se elimina grande parte da biomasa que favorece a proliferación dos lumes forestais.

Así informouse da posibilidade de instalación dunha explotación en extensivo de porco celta no monte do Cabalo, aínda que non se executará este ano polas limitacións orzamentarias, obtívose a conformidade da asemblea para iniciar os trámites administrativos e redacción dos proxectos técnicos necesarios para avaliar o coste da implantación e da viabilidade económica.

Para rematar, a petición dos comuneiros acordouse organizar un roteiro polas zonas do monte comunal onde se realizaron os traballos de silvicultura par ver insitu o resultado dos traballos.

SEDE SOCIAL

Barciela 31, Santa Cristina de Cobres 36142 (Vilaboa)
Tlf. Móbil: 693649504  

Esta dirección de correo electrónico está protexida contra spambots. Vostede necesita ter Javascript activado para poder vela.

GALERÍA DE IMAXES

Scroll to top